Recursos · Outubro 2026
Os teus dereitos cos novos decretos de vivenda
Prórroga do contrato, freo aos desafiuzamentos e tope ás subidas do alugueiro. Explicámosche en linguaxe clara que cambia co Real Decreto-ley 29/2026 e como facelo valer.
Importante: o decreto 29/2026 entra en vigor o 8 de outubro de 2026, pero o Congreso ten que convalidalos nun prazo de 30 días. Calquera comunicación antes da súa convalidación é válida.
Importante: durante os próximos días, ampliaremos a información desta páxina con máis instrucións e modelos. Visítaa periodicamente, permanece atenta ás nosas redes sociais e consulta o teu sindicato.
Modelos
Recibe os modelos no teu correo
Enche o seguinte formulario cos teus datos persoais e recibirás os modelos para solicitar a prórroga e a limitación do prezo do alugueiro no teu correo electrónico.
- Modelo A · Prórroga en municipios non declarados zona tensionada
- Modelo B · Prórroga en zona tensionada
- Modelo C · Oposición a unha subida ilegal do alugueiro
O decreto Maricarmen
A revolución das chaves
Tras o desafiuzamento de Maricarmen e a impresionante mobilización social por todo o estado, conseguimos que o goberno aprobe o decreto Maricarmen. É unha vitoria nosa, non de ningún goberno. Unha demostración de que organizarse e loitar serve. De que se poden conseguir melloras para a maioría social arrincándollas aos ricos e non pisoteando aos migrantes. E imos moito máis lonxe.
É por iso que o 11 de novembro organizamos unha folga xeral de 24h para parar a economía e demostrar a forza da clase traballadora e inquilina. Non imos parar ata que a revolución das chaves cambie de raíz o modelo de vivenda deste país.
Nesta web atoparás a información para poder utilizar os recursos que conquistamos tras o Consello de Ministros do 6 de outubro de 2026. Pero lembra, a nosa recomendación é sempre que o fagas colectivamente, é dicir, asistindo ás asembleas dos Sindicatos de Inquilinas.
Que dereitos gañamos?
Dous decretos históricos
Baixo o nome de decreto Maricarmen aprobáronse dous decretos.
En primeiro lugar, o Real Decreto-Ley 28/2026 regula a renovación automática dos contratos de alugueiro, tamén coñecidos como contratos de alugueiro indefinidos. Entrará en vigor o 15 de novembro, sempre que a Deputación Permanente o convalide. A Deputación Permanente é o órgano que substitúe ao Congreso dos Deputados na súa tarefa de convalidar decretos unha vez que se convocan eleccións. Como non está aínda en vigor, nesta web non hai recursos preparados derivados do Real Decreto-Lei 28/2026.
En segundo lugar, o Real Decreto-Ley 29/2026. Este decreto si está en vigor, maila que aínda todavía non o convalidou a Deputación Permanente. Todos os recursos que utilicemos antes de que a Deputación Permanente o convalide ou non, serán válidos. Unha vez saibamos se foi convalidado ou non actualizaremos esta web. O Real Decreto-Lei 29/2026 é un paquete moi amplo de medidas. A favor das inquilinas conseguimos:
- Prórrogas de alugueiro extraordinarias de dous anos incluíndo o caso de tácita recondución para contratos que finalicen antes do 31 de decembro de 2028.
- Unha suspensión de desafiuzamentos para persoas en situación de vulnerabilidade social ata o 31 de decembro de 2030.
- Limitación ao 2% ou conxelación ao 0% das actualizacións anuais do prezo do alugueiro ata o 31 de decembro do 2027.
- Un paquete ambicioso de reforma da Lei de Arrendamentos Urbanos coñecido como Lei Antiestafas. Tes máis información sobre esta lei nesta ligazón e nos próximos días publicaremos unha guía explicando as claves desta reforma.
Nesta web atoparás recursos útiles sobre os 3 primeiros puntos do Real Decreto-Lei 29/2026. Progresivamente desenvolveremos máis ferramentas sindicais que conquistamos coa Lei Antiestafas.
Instrucións
Como utilizar os modelos?
Descarga o modelo, modifícao cos teus datos e elimina as cores e anotacións entre paréntese. En caso de que sexa necesario, adáptao á túa situación.
Importante:
- Envía os modelos por un medio que deixe constancia (burofax, correo electrónico certificado, etc.).
- Garda copia de todo o que envíes e recibas.
- Non negocies individualmente se hai conflito: os caseiros intentarán facer presión ou desinformar.
- Na medida do posible, antes de envialo, afíliate e achégate ao teu sindicato de inquilinas máis próximo para revisalo e facelo con apoio colectivo.
01 · Prórroga do contrato
Prórroga extraordinaria do contrato de alugueiro por dous anos
Esta é a ferramenta a utilizar se o teu caseiro non quere renovar o contrato de alugueiro e te quere expulsar da vivenda. A prórroga extraordinaria alarga o contrato de alugueiro por dous anos a partir da data de extinción do contrato ou tácita.
Usa este modelo de prórroga se:
- Non vives nunha zona declarada de mercado tensionado (consúltao nesta web) e o teu caseiro notificoute con máis de catro meses de antelación respecto á data de finalización do teu contrato ou calquera das súas prórrogas legais, que che rescinde o contrato de alugueiro.
- Non vives nunha zona declarada de mercado tensionado e o teu contrato extínguese entre o 8 de outubro do 2026 e o 31 de decembro de 2028.
- Se estás en tácita recondución tamén podes pedir a prórroga, pero recomendámosche que no a pidas directamente. A tácita recondución é a situación na que está unha inquilina cando se cumpriu o prazo pactado non seu contrato e as súas prórrogas legais, pero o caseiro non rescindiu o contrato de alugueiro.
Estratexia en tácita recondución
A prórroga de tácita recondución pode ser anual ou mensual. A estratexia cambia en función do tipo de tácita. Se non che notifican a finalización da tácita, recomendámosche que aínda non pidas a prórroga. Achégate ao teu Sindicato de Inquilinas máis próximo e asesorádevos colectivamente!
- Se a túa tácita é mensual e en novembro do 2028 aínda non che notificaron nada, pide a prórroga e aproveita os dous anos seguros para negociar un contrato novo.
- Se a túa tácita é anual e en novembro do 2027 aínda non che notificaron nada, pide a prórroga e aproveita os dous anos seguros para negociar un contrato novo.
Por último, se pediches a prórroga entre o 22 de marzo e o 28 de abril de 2026, non tes que facer nada máis. O Real Decreto-Lei 29/2026 inclúe unha Disposición Transitoria Primeira que reafirma a validez da prórroga anterior, incluso aínda que o teu caseiro che escribise rexeitando a prórroga alegando que “caera”. Só a deberías pedir se estás en tácita e seguindo as indicacións anteriores.
Ademais, naqueles municipios declarados como área tensionada (consúltaos nesta web), o Real Decreto-Lei 29/2026 fortalece a prórroga extraordinaria de 3 anos establecida na Lei de Vivenda 12/2023 vía reforma do artigo 10.3 da LAU. Por iso, actualizamos o modelo para pedila. Usa este modelo se:
- Vives nunha zona declarada de mercado tensionado e o teu caseiro notificoute con máis de catro meses de antelación respecto á data de finalización do teu contrato ou calquera das súas prórrogas legais, que che rescinde o contrato de alugueiro.
Neste caso, recomendamos que o máis importante é intentar negociar un contrato novo que cumpra coa regulación de prezos. Por iso, achégate ao teu Sindicato de Inquilinas máis próximo e comeza a negociación con apoio colectivo!
Importante: Envía sempre o modelo de prórroga antes da data de extinción do contrato.
Modelo A: Prórroga a utilizar en municipios que non están declarados como área tensionada ou se o teu contrato está en prórroga tácita.
Modelo B: Prórroga a utilizar en municipios que están declarados como área tensionada.
Non uses o modelo de prórroga se:
- O teu contrato acábase en menos de 4 meses e aínda non che avisaron de que se finaliza por vía escrita. Nese caso, non fai falta que envíes a prórroga. Grazas á nosa loita, en 2019 conseguimos que todos eses contratos se prorrogasen automaticamente 3 anos máis, segundo está recollido na LAU.
- Tes un contrato de habitacións, contrato de tempada, o teu contrato finalizou antes do 8 de outubro de 2026 ou despois do 31 de decembro de 2028. Para todos estes casos, organízate nos sindicatos de inquilinas coa campaña #NosQuedamos.
02 · Desafiuzamentos
Moratoria de desafiuzamentos sen alternativa habitacional
Este Decreto recupera unha figura que estivo presente na normativa de vivenda dos últimos anos, as moratorias de desafiuzamentos.
Ata o 31 de decembro de 2030, se estás en situación de vulnerabilidade, acreditada, entre outros, con informes de servizos sociais, e non tes alternativa habitacional, o xulgado ten que parar o desafiuzamento coas seguintes particularidades:
Se te demanda un fondo voitre
O procedemento suspenderase sen máis trámite.
Se a parte demandante NON é un fondo voitre
Antes de suspender, o xulgado debe comprobar que:
- A Administración Pública non ofreceu unha alternativa habitacional digna e adecuada.
- Se non hai resposta ou non existen recursos para ofrecer unha alternativa habitacional, o procedemento quedará suspendido ata que as medidas sexan adoptadas e se garanta unha alternativa habitacional digna e adecuada.
A suspensión do procedemento pode durar como máximo 3 anos e aplícase a calquera tipo de procedemento xudicial civil que poida derivar en desafiuzamento (impago de alugueiro, expiración contractual, execucións hipotecarias, ocupacións).
Os recursos preparados para este caso deben utilizarse en fase xudicial e, polo tanto, acompañada sempre do Sindicato de Inquilinas. Para poder poñerte en contacto connosco entra na web Quen somos? e escolle o teu sindicato.
03 · Tope do alugueiro
O teu alugueiro non pode subir o que queira o caseiro
Utiliza esta ferramenta sindical se che queren subir o prezo do alugueiro mentres o teu contrato, as súas prórrogas legais ou prórrogas extraordinarias estean en vigor.
Primeiro de todo, tes que revisar se a renda que pagas mensualmente, sen contar a subida notificada ou realizada, está por riba ou por baixo do que marca o prezo do sistema do índice de prezos que podes atopar nesta web. A limitación das actualizacións varía en función diso:
Se o teu alugueiro está por riba do límite inferior da franxa do índice.
O teu alugueiro queda conxelado: non pode realizarse ningunha subida ata o 31 de decembro de 2027.
Se o teu alugueiro está por baixo do límite inferior da franxa do índice.
O caseiro pode actualizarche o alugueiro, pero ti podes negociar. Agora ben, ata o 31 de decembro de 2027, en ningún caso se poderá negociar unha actualización máis aló do 2%.
Podes utilizar este recurso para calquera aumento que se produza antes do 31 de decembro de 2027.
Modelo C: Utilízao para opoñerte á subida, lembra que o tes que adaptar ao teu caso concreto.
Preguntas frecuentes
FAQs
Cal é o primeiro paso?
Revisar o teu contrato e a túa situación co apoio do teu sindicato. Enche o formulario para descargar os modelos, le toda a información e na medida do posible non envíes nada soa, en especial se tes dúbidas. Con apoio colectivo é máis fácil aplicar a prórroga ou limitar a subida e, ademais, fortalecemos a loita común. Se o tes claro, manda o modelo que máis che aplique e afíliate ao teu sindicato para que o teu caseiro non che tome o pelo.
Estas medidas dependen da data en que asinei o meu contrato de alugueiro?
Non, aplícase a todos os contratos de alugueiro residencial (LAU a partir do ano 1994) independentemente da data en que se asinaron.
Se pido a prórroga e o Congreso despois non ratifica o Real Decreto, perdo a prórroga?
Non, por iso é esencial que lle comuniques a prórroga extraordinaria ao teu caseiro o antes posible. Porque só serán válidas as prórrogas que se comuniquen mentres o RD siga en vigor.
Que pasa se o meu contrato cumpre o prazo despois de 2028?
O Real Decreto só cobre os contratos que se terminen dentro do período do 8 de outubro de 2026 ao 31 de decembro de 2028. Se o teu contrato vence máis tarde, igualmente ímolo loitar contigo. Lembra que o caseiro tenche que avisar con 4 meses de antelación en caso de que non queira renovar. Para estar preparada, afíliate e vente ao Sindicato. A organización colectiva permite negociar, frear subidas abusivas e aplicar a estratexia #NosQuedamos.
Que pasa se xa me dixeron que me vaia?
Se o teu contrato finaliza no período do 8 de outubro de 2026 ao 31 de decembro de 2028, podes acollerte á prórroga aínda que xa che notificasen a non renovación con 4 meses de antelación ou máis. É importante que te achegues ao teu sindicato de inquilinas máis próximo para loitalo, porque o teu caseiro intentará dicir que ao teu contrato non lle aplica.
Que pasa se o meu contrato xa se acabou?
Se aínda non te fuches de casa e non queres irte, non te vaias. O máis importante é informarte xa que moitas comunicacións dos caseiros non son válidas ou poden combaterse. O primeiro paso é contactar co teu sindicato de inquilinas máis próximo e organizar a resposta colectiva. A estratexia #NosQuedamos busca precisamente que ninguén abandone a súa vivenda por presión, aplíquelle o RD ou non lle aplique.
Podo acolllerme á prórroga se vivo nun alugueiro de protección oficial?
Si, sempre que o contrato estea regulado pola LAU, é dicir, asinado con posterioridade a 1994.
Podo acollerme á prórroga se teño un contrato verbal?
Si, os contratos verbais considéranse contratos rexidos pola LAU.
Non teño contacto coa propiedade senón só coa inmobiliaria. Como o fago?
Enche o modelo cos datos da inmobiliaria e substitúe o primeiro parágrafo do modelo por: “Póñome en contacto con vostedes, en calidade de intermediario co arrendador da vivenda na que resido situada en [DIRECCIÓN COMPLETA DA VIVENDA] e na miña condición de arrendatario/a de dita vivenda, en virtude do contrato de arrendamento de data [DATA SINATURA CONTRATO], en adiante o Contrato, e en resposta á súa comunicación de data [DATA NOTIFICACIÓN NON RENOVACIÓN], mediante a cal me trasladaba a súa vontade de non renovar o contrato unha vez chegada a finalización do prazo pactado ou das súas prórrogas legais.”
Que pasa se teño un contrato de tempada ou de habitación?
A prórroga extraordinaria prevista no Real Decreto-lei 29/2026 só se aplica aos contratos de arrendamento de vivenda habitual suxeitos á Lei de Arrendamentos Urbanos, polo tanto, non é aplicable aos contratos de tempada ou habitación. Aínda así, se te queren expulsar ou subir o alugueiro, non o aceptes. Non necesitamos este RD para loitar pola túa casa, podes unirte á estratexia #NosQuedamos. Achégate ao teu sindicato máis próximo e loitemos polos teus dereitos xuntas. O mesmo RD introduce un paquete ambicioso de reforma da LAU. Tes máis información en nesta ligazón.
Que pasa se me queren subir o alugueiro?
Se a subida é superior ao 2% seguro que é ilegal. En moitos casos é tamén ilegal calquera tipo de subida. Oponte utilizando o modelo que poñemos á túa disposición. O máis importante é que non aceptes a subida sen asesorarte. Se o caseiro insiste, organízate e únete a #NosQuedamos para soster a negativa colectivamente.
Non loites soa: afíliate ao teu sindicato
Esta ferramenta é máis forte co respaldo do teu sindicato de inquilinas. Coñece os teus dereitos, asiste ás asembleas e faino sempre con apoio colectivo.
