Unha folga xeral para cambialo todo
↓ Descargar en PDFO vindeiro 11 de novembro está convocada unha folga xeral de 24 horas en todo o territorio do Estado español, baixo o lema «Folga xeral pola vivenda e o custo da vida». É unha convocatoria singular: a primeira en catorce anos secundada polos dous sindicatos maioritarios; unha folga que non se limita a responder a unha reforma lesiva, senón que pon enriba da mesa un programa de loita e sae á ofensiva; é unha iniciativa impulsada desde os Sindicatos de Inquilinas; e coincide cun contexto de Cortes disoltas e convocatoria electoral inminente. Non son trazos menores.
Ante o reto aberto, paga a pena explicar que folga estamos a tentar construír.
Antecedentes
O estoupido social que seguiu ao desafiuzamento de Maricarmen tomou a forma de mobilizacións masivas, acampadas en prazas e, proximamente, dunha folga xeral. A convocatoria non xurdiu da nada nin foi unha ocorrencia espontánea: é o resultado dun proceso de debate e preparación que só puido avanzar cando a rúa abriu esa posibilidade.
O Sindicat de Llogateres de Catalunya incorporou a folga xeral á súa folla de ruta despois das mobilizacións do outono de 2024. A Confederación de Sindicatos de Inquilinas respaldou a iniciativa no congreso no que se constituíu, no outono de 2025. A comezos de 2026, os sindicatos de inquilinas de Málaga e Madrid comezaron a traballar nesa dirección; no encontro de Valencia de xuño debateuse a proposta cos sindicatos de inquilinas; e o 20 de setembro a Coordinadora da Confederación aprobou unha folla de ruta centrada na convocatoria.
Durante este proceso mantivéronse conversas con boa parte do sindicalismo laboral, organizadas en tres ámbitos: o sindicalismo maioritario; o sindicalismo alternativo e combativo; e os sindicatos das nacións sen Estado. Os diálogos desenvolvéronse tanto no ámbito confederal coma no local. Ao mesmo tempo, propúxoselle ao movemento pola vivenda impulsar novas mobilizacións na primavera de 2026, co lema «Nin alugueres polas nubes, nin salarios polo chan».
Os Sindicatos de Inquilinas traballamos, polo tanto, para construír unha alianza entre o sindicalismo laboral e a loita pola vivenda. A historia ofrece numerosos exemplos da forza que pode acadar esa confluencia (aquí e aquí). A convocatoria actual é o resultado dunha aposta sostida e dunha oportunidade aberta pola mobilización: a ninguén pode sorprender que, cando se deron as condicións, empurrasemos con determinación para facela posible.
Os obxectivos
Adóitase dicir que unha folga non é un fin en si mesma, senón un medio. Por iso debemos dicir con claridade que queremos conseguir.
En primeiro lugar, organizar unha folga xeral real, capaz de deter a produción e de ir máis alá dunha xornada simbólica. En segundo lugar, conquistar reformas avanzadas que melloren as condicións de vida da clase traballadora e demostren que podemos arrincarlles dereitos aos poderes económicos, fronte á falsa promesa da extrema dereita de resolver os problemas mediante a exclusión e o empobrecemento da poboación migrante.
Terceiro, queremos abrir un novo período de loitas para os próximos meses e anos, cun sindicalismo capaz de organizar a maioría social e facer fronte á reacción. Se veñen mal dadas, que non nos poidan borrar dunha plumada. Cuarto, aspiramos a unha unidade ampla do movemento obreiro e popular, que reúna as distintas loitas sociais. Por último, queremos abrir o sindicalismo a sectores que quedaron tradicionalmente á marxe, como a poboación migrante ou a mocidade.
Pode haber outros obxectivos; estes son os nosos. No inmediato, programa. A medio prazo, acumulación de forzas. No horizonte estratéxico, outro modelo de sindicalismo como ferramenta necesaria para o cambio social e político.
O programa
E contra quen é esta folga?
A folga convócase baixo un Goberno denominado progresista, nun contexto xa marcado pola campaña electoral e pola posibilidade dun goberno reaccionario. Por iso xorde unha pregunta: contra quen é esta folga? A resposta é clara: contra as empresas rentistas e a patronal inmobiliaria, contra o poder do rentismo sobre as institucións e contra os gobernos que, en todos os niveis, o protexen.
Pero a pregunta que debería ocupar o centro do debate é outra: por que debemos sumarnos? É dicir, que queremos conseguir as que promovemos a folga? Por un cambio de modelo no que a vivenda sexa un dereito e non un ben co que especular, este é o programa:
- Casas para vivir, non para especular. Recuperar as vivendas baleiras para o aluguer, eliminar os pisos turísticos e prohibir a compra especulativa.
- Un gran parque público de vivenda, pagado polos ricos. Crear un millón de vivendas públicas en aluguer mediante un imposto á riqueza; expropiar as vivendas en mans de fondos voitre e bancos; e desenvolver construtoras públicas para que o diñeiro de todos non sirva para enriquecer uns poucos.
- Seguridade residencial. Establecer contratos de aluguer indefinidos e prohibir os desafiuzamentos.
- Baixar os prezos. Reducir un 50 % os alugueres e vinculalos aos ingresos; acabar cos abusos bancarios nas hipotecas; e controlar os prezos dos alimentos, da enerxía e do transporte.
- Dereitos sindicais na vivenda. Recoñecer a negociación colectiva e as folgas de aluguer, derrogar a Lei Mordaza e combater o racismo inmobiliario.
- Salarios, pensións e servizos públicos dignos. Subir salarios e pensións, reducir a xornada laboral sen recortar os salarios, reforzar os servizos públicos e garantir o acceso ás subministracións básicas.
É un programa máis ambicioso ca as reformas que ata agora conseguimos impor, pero non está pensado para quedar nunha declaración de intencións. Xa se traballa nunha proposta concreta que poida defenderse goberne quen goberne.
Unha folga para cambialo todo
A apenas dúas semanas da celebración da folga, vaise impoñendo a tarefa de converter a nosa imaxinación en realidade. Concretar a forma que lles queremos dar aos acontecementos. A folga xeral ten que ser, ou temos que deixar a pel tentando que sexa:
1Popular e masiva
Cando o problema da vivenda escala ata converterse en motor dunha folga xeral, cómpre lembrar o básico. A clase traballadora é plural e unha folga xeral debe formularse seriamente como incorporar sectores diversos. Isto é tanto como dicir que a nosa folga non pode representar unicamente o sector que a impulsa. Hai que facer un exercicio de alianzas moi amplo e non perder de vista que sector de poboación, tanto en sentido numérico como cualitativo, representamos os Sindicatos de Inquilinas.
Aínda que o problema máis acuciante coa vivenda sexa hoxe o aluguer, esta folga debe interpelar as hipotecadas e as persoas propietarias da vivenda en que viven. É unha oportunidade para curtocircuitar a “alianza dos propietarios” opoñéndolle o “antagonismo do especulador e rentista”.
Un exercicio similar debe facerse con respecto ás problemáticas sociais do traballo, entendidas amplamente. Inclúense demandas salariais e de servizos públicos porque vertebran a vida da clase traballadora. Téntase incorporar a esta folga organizacións do campo (que viven de xeito particular o problema da carestía da vida), pequenos comerciantes e autónomos (afectados tamén pola suba dos alugueres) ou pensionistas (que non a poden secundar directamente). A sectores coma estes vai dirixida a iniciativa de folga de consumo nos grandes supermercados, por exemplo. Búscase ampliar o antagonismo incluíndo nel todos os poderes económicos que se lucran subindo os prezos de todo o fundamental, non soamente da vivenda.
Por último, esta folga chama á confluencia. Por iso debe sumar loitas sociais relevantes que non son de vivenda, pero sobre todo debe procurar transcender a sopa de siglas e converterse nunha conversa social moi ampla. O traballo de diálogo con comunidades relixiosas vai nese sentido.
Por estas razóns hai que defender unha folga popular e consciente da necesidade dunha política de alianzas moi ampla.
Polo demais, que unha folga xeral sexa masiva, ou non ceder nin un centímetro en que esa sexa a nosa obsesión, depende de que consigamos capilaridade organizativa. Que o proceso de difusión da folga sexa unha acción de masas. Di a literatura sobre organización que unha de cada dez persoas que se mobilizan está disposta a militar. As mobilizacións que precederon a convocatoria da folga xeral sumaron máis dun millón de persoas. A aspiración é sinxela: preparar unha infraestrutura de folga na que poidan participar cen mil persoas nas súas tarefas de difusión. Nese sentido desprégase unha caixa de resistencia unitaria, unha aplicación para consultar actividades e unha rede de distribuidoras de materiais e sedes abertas de todo tipo para recoller o material.
No centro desta infraestrutura está o comité de folga territorial, e a súa tarefa fundamental é soster esta infraestrutura e permitir a participación na folga de cantas máis persoas mellor. Esta é a aposta por un comité de folga unitario; a súa faceta de órgano de democracia obreira, en demasiados casos dexenerado en parlamento de organizacións minoritarias, é totalmente secundaria. O mundo por organizar e convencer está fóra dos nosos comités, por moi unitarios que sexan.
2Laboral, social e que nos pertenza a todas
O tipo de folgas xerais nas que xa estamos inmersos, e sen dúbida as que virán, debátense e organízanse no centro de traballo e fóra del. Cando xa estamos en “modo folga”, é dicir, tras a súa convocatoria, impera certo pragmatismo e recórrese a un pacto de división do traballo. Os sindicatos laborais, no centro de traballo. O movemento estudantil, nos institutos e facultades. Os sindicatos sociais e as asociacións civís de todo tipo, na organización territorial. Sempre que sexa posible, buscar dinámicas de vinculación que permitan a expansión do movemento, pero sen perderse na procura de fórmulas de composición pouco naturais. E cando se encara a recta final, moita coordinación para preparar os piquetes.
No noso caso, a forma organizativa dos Sindicatos de Inquilinas é dobre: por un lado, territorial e, polo outro, con seccións sindicais de propiedade (bloques verticais). É aí onde nós nos temos que centrar, aínda que tamén creemos equipos de apoio á difusión en determinados centros de traballo, asembleas de traballadoras ou conferencias sindicais. A nós correspóndenos organizar brigadas sindicais para facer porta a porta en bloques de inquilinas e, xunto con máis movementos sociais, impulsar todas as accións de difusión posibles polo territorio, así como liderar a extensión cara a todo tipo de entidades sociais do contorno, independentemente do seu fin, para que se sumen á folga e a difundan.
Se conseguimos unha folga deste tipo, popular e masiva, laboral e social, esta folga xa é unitaria. Que o sexa é unha característica irrenunciable se o obxectivo é que a folga teña o máximo seguimento posible. E esta pluralidade é a que debemos escenificar en todas as mobilizacións do día da folga, tanto nos piquetes como nas manifestacións.
O exercicio de reapropiación da folga simbolízase cando cada comité de folga unitario, no momento en que se constitúe, vota a man alzada a convocatoria e establece o compromiso de remar para que a iniciativa sexa un éxito. Os sindicatos legalizan a folga, pero a súa convocatoria perténcenos a todas.
3Unha folga xeral que enraíce e amplíe o ciclo de loitas aberto
Isto é a folga xeral entendida como proceso. Polo tanto, non importa só o día da folga. Importan o antes e o despois. Detrás do estoupido Maricarmen e das mobilizacións e acampadas hai máis razóns ca a vivenda. Cales son exactamente? Iso é o que hai que descubrir. Algunhas pistas no seguinte informe, pero igualmente hai que facer o exercicio en cada lugar.
Para que o ciclo de loitas que se abriu continúe e se desenvolva, cómpre enraizalo e amplialo. É dicir, levalo ao ámbito local e estendelo por cantos máis puntos mellor. Debe adquirir, polo tanto, a personalidade das loitas pendentes a escala municipal. Debe impulsar a vida das loitas sociais promovendo a súa confluencia.
As consignas deben tomar forma. Por esta razón promovemos que os comités de folga territoriais redacten os seus propios programas de reivindicacións locais. Que recollan estas reivindicacións nunha acta de constitución do comité e as presenten ante os seus concellos ou as empresas responsables dos principais conflitos abertos. Que as difundan nos medios de comunicación locais. Que as utilicen xuntamente coas reivindicacións xerais para presentarse ante toda entidade civil do contorno e convidala a sumarse á folga. E o máis importante: que o comité se responsabilice deste programa para darlles corpo e continuidade aos movementos que se están a xerar a escala local. Non podemos deixar de lado a responsabilidade da “posfolga” e deixar toda a negociación dos programas no ámbito confederal ou nas dinámicas dos convenios colectivos. Unha folga xeral que loita en diferentes planos ten moitas máis posibilidades de conquistar vitorias.
En síntese: constituír o comité como espazo para a difusión masiva da folga, dotalo dunhas reivindicacións que representen o conxunto do municipio, parar a cidade e, por último, petar á porta dos responsables da situación social en que vivimos para esixir cambios. O comité é así non simplemente un espazo de difusión, senón tamén unha ferramenta para a organización do conflito en todos os territorios e para a construción de poder sindical e popular.
4Internacionalista
Dous días despois do desafiuzamento de Maricarmen arrincou en Madrid «El Barrio», o segundo encontro internacional de inquilinas celebrado no Estado español, baixo o lema «Inquilinas do mundo, unídevos». Levamos anos tecendo unha rede internacional de alianzas. Se o rentismo non coñece fronteiras, a nosa organización sindical tampouco.
A folga xeral do 11N coincide con mobilizacións e folgas noutros países. Temos ante nós unha oportunidade para dar un paso máis: avanzar cara á coordinación das loitas a escala europea e estendela por máis países. As primeiras iniciativas xa están en marcha; agardemos que cheguen a bo porto. Cedo ou tarde, sabémolo, as mobilizacións entrarán en refluxo. Será entón cando teremos que redobrar os esforzos de organización e formación para incorporar quen se achegase á loita e darlles continuidade sindical ás experiencias xurdidas durante o ciclo de mobilizacións. Pero antes, a folga debe servir para cimentar un ciclo de loita social que traspase todas as fronteiras.
Unidade e desbordamento
A unidade non significa subordinación ao sindicalismo maioritario.
Esta folga xeral foi convocada en pleno por toda a alianza sindical que procuramos dinamizar desde a Confederación de Sindicatos de Inquilinas: todo o sindicalismo alternativo confederal, os sindicatos das nacións sen Estado e os sindicatos maioritarios. Xunto a eles van marchar máis de trescentos comités de folga territoriais e centenares de asociacións que se están a adherir.
O feito de conseguir sumar CCOO e UGT é sen dúbida positivo para lograr que a folga teña un impacto real nos centros de traballo. O reto agora é conseguir que a súa implicación sexa efectiva e que contribúa a activar as súas afiliadas, a súa estrutura de delegados e o conxunto dos cadros de persoal. Cada día conta para conseguilo, pero non se vai poder facer balance antes do día da folga. Hai que manter os nervios a raia. Ata despois do 11 é imposible ter a foto. E cando teñamos a foto, comprobaremos que non existe unha lectura homoxénea que valla para todos os territorios e para todos os sectores. Iso si, aínda que os sindicatos maioritarios sexan, entre os convocantes, os que teñen un peso maior, esta folga non lles pertence en exclusiva nin poden atribuírse a dirección. A unidade non significa subordinación.
Por outro lado, hai que pechar o debate sobre se hai que expulsar os sindicatos maioritarios. Unha proposta así, independentemente das razóns que a motiven, non contribúe a que a folga funcione. Por moito que sexan sindicatos, en ocasións actúan como partido e desatenden a súa función de construír a folga no centro de traballo. Esta folga xeral, a primeira en catorce anos, non se convocou para visibilizar a “alternativa” a CCOO e UGT. Para o sindicalismo combativo, máis próximo ao modelo sindical que promoven os Sindicatos de Inquilinas, esta é unha boa oportunidade para presentarse ante a clase traballadora e sumala ás súas propostas. Pero iso non se fai pechado nunha sala criticando os sindicatos maioritarios e insistindo en que o importante é forzar a súa marxinación. Que se impoña a humildade. Non se vai permitir que a folga sexa un escaparate á conta da propia saúde da iniciativa.
Igualmente preocupante é a posición das organizacións políticas que pretenden romper as mobilizacións unitarias e impedir a coordinación dos piquetes. O primeiro é un erro político e unha perda de tempo; o segundo pode ter consecuencias graves en termos represivos e, en calquera caso, debilita o impacto da folga. Presentar estas posicións como unha contribución á folga resulta decepcionante. Xustificalas con retórica revolucionaria non cambia as súas consecuencias prácticas. A folga non pode subordinarse ao proxecto de construír un partido. O método non pode volver ser a ruptura. A independencia non xustifica xogar co que é de todas.
Cómpre lembrar que a unidade non é repartición de cotas, nin a autonomía unha escusa para renunciar a construír unha folga común. A participación dos sindicatos maioritarios é necesaria para chegar aos centros de traballo; a do sindicalismo alternativo, para ampliar a súa capacidade de organización e conflito; e a do movemento popular, para superar os límites do sindicalismo tradicional. Ningunha organización debe confundir a súa contribución coa propiedade da folga nin poñela en risco. O criterio é sinxelo: se unha iniciativa amplía a participación, contribúe á folga; se antepón o protagonismo propio, debilítaa.
Ante quen non pon toda a carne no asador para que esta folga funcione, quen pretende un protagonismo que non lle corresponde e quen pretende romper a convocatoria unitaria, a resposta debe ser o desbordamento. Desbordamento para superar os límites e os intereses particulares das organizacións e converter a convocatoria nunha folga para gañar. Que a folga non sexa soamente a expresión dunha forza social que xa existe; que sexa o instrumento para organizar unha forza social latente.
Pasada a folga, todos os debates sobre o problema do sindicalismo volverán abrirse. Terémolos en mellores circunstancias se o 11N triunfamos. Está claro que o estado de cousas no sindicalismo non nos serve e que é necesario un cambio radical. Necesitamos outro modelo sindical. Esta tarefa é de suma importancia para reconstruír a clase traballadora e abrir posibilidades a unha maioría social antifascista que estea na rúa, no choio, no bloque, no instituto e que aspire a cambiar o mundo en que vivimos.
A loita sindical no contexto electoral
Hai quen pensa que o feito de que esta folga xeral coincida coa convocatoria electoral é un problema. Todo o contrario. É o mellor escenario que podía ter a loita sindical para intervir socialmente nun ano que ía estar marcado por este asunto.
Todas as eleccións son importantes, pero as próximas do 29N sono especialmente. Ninguén no seu san xuízo pode ter unha posición dubidosa a ese respecto. Está en xogo a posibilidade dun goberno estatal de coalición entre a dereita radical e os neofascistas. Non fai falta calcular as consecuencias antes de tempo, pero non estamos ante a substitución dun goberno de “centroesquerda” por un de “centrodereita”, como foi o turnismo desde a transición. Que isto non suceda convénnos a todas.
A cuestión non é que haxa que salvar a quen non o merece. O que fai posible a folga é intervir no ciclo electoral desde o sindicalismo e a loita social sen necesidade de facer campaña electoral. Dános a oportunidade de activar unha conversa para centrar a atención nos problemas sociais que preocupan á xente traballadora e para poñer enriba da mesa un programa. Permite que, ante a concatenación de “sucesos” que día tras día sacoden a esfera pública, xurda unha iniciativa nítida e desde abaixo. E o máis importante: grazas á folga, podemos propoñerlle a multitude de persoas que queren organizarse que o fagan co sindicalismo e non a través do partido-electoral.
En conclusión
Esta folga pode significar moito máis ca unha xornada de mobilización. Pode ser o punto de partida para que o sindicalismo de clase volva ocupar un papel central na sociedade, recuperando a súa capacidade para conquistar dereitos, transformar as nosas condicións de vida e ampliar os horizontes do posible. Porque a nosa tarefa non é unicamente defender o conquistado, senón organizar a forza colectiva necesaria para conquistar unha vida mellor. Unha folga para cambialo todo non remata cando acaba o día de folga.
O 11N, parámolo todo
